As grandes árbores do Bierzo Imprimir
Viernes 21 de Septiembre de 2007 06:37

Por Xabier Lago Mestre

A beleza da rexión berciana no seu conxunto, velaí as serras que nos arrodean onde salientan as máis altas montañas, os regueiros e mailos ríos que percorren os nosos vales e comarcas, empecen ás veces ver outras fermosuras non menores. Así, cando nos metemos nun souto, entre tantos castiñeiros, non chegamos a comprender a importancia dos máis vellos exemplares arbóreos. Hoxe descubrimos a súa singularidade da man de Santiago Castelao Diñeiro, autor do libro "Castaños monumentales del Bierzo. Tradición y Cultura" (2007). Este amante da natureza berciana amósanos a súa completa visión de todo o relacionado coa cultura castiñeira.

No seu breve libro, de 95 páxinas, comeza co análise das máis importantes árbores da rexión. Nas súas fotos apreciamos a impoñente altura do castiro O Campano, cos seus 29 metros, sito en Vilar de Aceiro, o impresionandte perímetro do tronco da pena do Subeiro (Gümil), ou a carocha aberta no castañeiro do Mallo (Hermide), e así outros tantos, ata un total que fain 20 exemplares únicos, a cal máis fermoso.

A segunda parte do libro, titulada "El castaño. Tradición e Cultura", entra a tratar de temas varios como son os traballos relacionados coa colleita da castaña. Importantes resultas os seus apuntamentos sobre os aparellos etnográficos, que van dende os piotes ou pisóns ata os trobos, pasando polos bandoxos, baxacas, paneiras, banastas e demais. Non se poden esquecer os sonados magostos. Neste punto festivaleiro o autor aproveita para indicar que "deberiamos fuxir do xogo político que converte esta festa nun medio puramente lucrativo; e rescatar entre todos, a unión sinceira e o carácter desenfadado que caracterizou sempre a esta festa". Continúa Santiago cunha curta relación de refráns castañeiros, da máis sabedoría popular na lingua galego-berciana,  como aquela que di "castañas, viño novo e chourizos no mes de Santos son vicios". E tampouco podía faltar o correspondente calendario arbóreo. Outro apartado está dedicado aos instrumentos musicais obtidos do castiñeiro, coa carraca, a gaita e o rombón.

Importantes resultan as liñas reservadas para a couta o castiñeiro. Referímonos a certos aspectos do dereito consuetudinario dos concellos bercianos que fixaban xuridicamente o costume da colleita dos froitos. Incluso é un acerto inserir o texto legal completo do regulamento da recollida da castaña polo pobo de Perexe (1990). Botamos de menos que o autor, con formación xurídica, non profundizase máis noutros aspectos consuetudinarios, casos dos dereitos de voo e de solo, pero entendemos que a brevidade do libriño non permitía eses tratamentos legais.

Segue o texto do libro revisando a mouca dos castiñeiros, os inxertos, as enfermidades propias desta árbore, ou a heráldica da comarca presente nos escudos municipais de Valboa, Benuza, Berlanga e Castropodame. Especiais resultan as páxinas que dedica á arte, ás obras do escultor Domingo  González, que como indica o autor logra "sacarlle a alma á madeira de castiñeiro e converter a rutina en beleza". Punto importante constitúe o tratamento culinário da castaña na cociña berciana, croquetas, pasteis, caldos, frans e outros estimulan os paladares máis golosos. Remata o Santi cun apreciado vocabulario galego-berciano relacionado coa cultura castiñeira. De seguro que todos nos sorprenderemos cos significados desas verbas antigas.

Coido que logo de ler este libriño todos os que entremos en calquera dos nosos diversos soutos da xeografía berciana debemos facelo doutro xeito. O texto comentado axudaranos a comprender mellor o peculiar mundo natural que empechan os castiñeiros. Recomendo a quen precise dunha xeira de reflexión penetrar de novo na tranquilidade dun souto. Facer unha calmosa andaina, pisando o mullido manto outoñal, respectando a cadencia das nosas pegadas desfolladoiras. Deixemos que o noso camiñar caviladoiro  rache o silandeiro estar do souto. Compartamos sentidamente o noso espazo vital cos seculares castiñeiros e aprendamos deles, dos verdadeiros sobrevivintes de tantos fogos forestais e da deforestación mineira ou ferroviaria.

O Bierzo, setembro de 2007.
http://obierzoceibe.blogspot.com

 

Utilizamos cookies para mejorar su experiencia de navegación. Al utilizar esta web usted acepta el uso que hacemos de las mismas. Para saber más sobre las cookies visite política de privacidad.

Acepto las cookies de esta web.

EU Cookie Directive Module Information