Novas accións dinamizarán o galego no Bierzo dentro do programa da Xunta Imprimir
Viernes 09 de Marzo de 2018 16:11

Alumnos do Bierzo que participaron no encontro de Vilafranca / Xunta de GaliciaAlumnos do Bierzo que participaron no encontro de Vilafranca / Xunta de GaliciaO secretario xeral de Política Lingüística presentou nas Xornadas Martín Sarmiento de Vilafranca o I Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo e recordou que este curso se incrementou en máis dun cento o alumnado coa incorporación do CRA Cubillos del Sil.

Novas accións dinamizarán o galego no Bierzo dentro do Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais pola Junta de Castela e León. Así o anunciou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa na que se deron a coñecer os detalles do novo Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo, unha iniciativa destinada aos 19 centros de ensino do galego de León e Zamora: 8 CEIP, CRA e IES; ademais da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Ponferrada.

“Sentimos orgullo de que o programa medre, tanto en centros adscritos e alumnado participante como en accións”, destacou García Gómez, quen recordou que no presente ano escolar son máis de 100 os alumnos e alumnas que se suman ao proxecto coa incorporación do CRA leonés Cubillos del Sil. “Por décimo ano celebramos unhas xornadas nas que nos damos cita canda máis de 1.100 alumnos que seguen estudos de galego. Queremos seguir potenciando accións especialmente pensadas para eles, como este I Premio Morales, que recoñecerá as súas mellores creacións artísticas en lingua galega”, concluíu.

Canda el, participaron na presentación a subdirectora xeral de Política Lingüística, M.ª Lourdes Batán; o rexedor vilafranquino, José Manuel Pereira; o coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento, Héctor M. Silveiro; o director xeral de Recursos Humanos da Consejería de Educación, Jesús Hurtado; o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo A. Caurel; o presidente do Grupo As Médulas, Manouel González; e a vicetesoureira do Instituto de Estudos Bercianos, Ana Carballo.

I Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo

No marco da X Xornada Martín Sarmiento, organizada pola Comisión Cultural Martín Sarmiento, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León, convócase o galardón Premio Morales para a Promoción do Galego no Bierzo. Tras os pasos de Morales: os magostos, co que se quere poñer en valor a figura de Antonio Fernández Morales e ao que poderán concorrer, en tres categorías diferentes, os 19 centros de estudo do galego desta área galegofalante.


Así, á categoría A (Debuxando o poema), poderá presentar o seu traballo calquera alumno ou alumna de ensino infantil ou primario; á B (Contando, poetizando e dramatizando o poema) poderá concorrer o alumnado de ESO e bacharelato; e á C (baixo o mesmo título que a anterior) o alumnado a partir de 18 anos que curse estudos, ben de galego, ben de portugués na EOI ponferradina. En todos os casos o alumnado participante debe estar adscrito ao programa e as creacións seren inéditas, orixinais e inspiradas no poema “Os magostos” do devandito autor berciano.

A iniciativa conta tamén coa colaboración do Consejo Comarcal do Bierzo, do Instituto de Estudios Bercianos, do Grupo As Médulas, da Real Academia Galega e de Edicións Positivas. O prazo de presentación de propostas rematará o 21 de xuño de 2018.

Coincidindo coa celebración do Día do Galego no Bierzo, o Teatro Vilafranquino acolleu hoxe a X Xornada Martín Sarmiento, organizada pola Comisión Cultural Martín Sarmiento en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, que congregou un ano máis en Vilafranca do Bierzo os máis de 1.100 escolares que seguen estudos de lingua e cultura galegas nos territorios limítrofes das provincias de León e de Zamora coa comunidade autónoma galega, aos que se uniu o secretario xeral de Política Lingüística.

A xornada contou con cadanseu intercambio escolar e encontros, por unha parte, dos catro centros de ensino secundario e da EOI e, por outra, dos catorce centros de ensino primario que tiveron oportunidade de participar na actividade de dinamización lingüística Radio Bule Bule, da man do coñecido músico e actor Paco Nogueiras. Logo dunha xuntanza de traballo entre os responsables institucionais, xa pola tarde, o Teatro Vilafranquino acollerá, ás 16:30 horas, a mesa de debate “As arelas de Sarmiento”.

O programa chega este ano aos 1101 alumnos e alumnas que se distribúen do seguinte xeito: no caso dos centros de infantil e primaria, en León, CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Maestro de Ponferrada, CEIP Virgen del Carmen-La Placa de Ponferrada, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CRA del Puente de Domingo Flórez, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral de los Vados, CEIP de Toral de Merayo, CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca e CRA Cubillos del Sil de León; e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián.

No tocante aos centros de ensino secundario, os IES adscritos ao programa son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e os ponferradinos Europa e Virgen de la Encina. A maiores, na EOI de Ponferrada estudan galego este curso preto dun cento de alumnos e alumnas.

 

Utilizamos cookies para mejorar su experiencia de navegación. Al utilizar esta web usted acepta el uso que hacemos de las mismas. Para saber más sobre las cookies visite política de privacidad.

Acepto las cookies de esta web.

EU Cookie Directive Module Information