[DÍA DAS LETRAS GALEGAS] O Bierzo precisa unha anagnórese lingüística e cultural Imprimir
Miércoles 16 de Mayo de 2018 23:06

HÉCTOR M. SILVEIRO | María Victoria Moreno convértese nunha gran metáfora de futuro para os neofalantes do galego no Bierzo porque a quen se lle oculta a estas alturas que o Bierzo galego falante aínda segue agochado e que, como se dun personaxe dunha gran obra dramática se tratase, precisa unha anagnórese para poder evitar un desenlace fatal que conclúa coa morte do idioma máis aló do Cebreiro nestes lindeiros da galeguidade?

Mª Victoria Moreno, cuxa novela máis coñecida leva o título de Anagnórese, propicia un bon argumento para, dende a comarca onde naceu Sarmiento, reflexionar e, á vez, festexar a iniciativa da Academia Galega de homenaxeala este ano coa celebración do Día das Letras Galegas.

A ese proceso de descuberta da propia identidade (iso é o que vén sendo a anagnórese) a través da lingua  veñen sumándose, seguindo o exemplo do noso sabio e erudito bieito, outros bercianos que sendo nativos de terras alleas, reclamaron como propio o país que Enrique Gil cantaba en castelán. Sen ir máis lonxe, Antonio Fernández Morales, natural de Astorga, descubriuse  berciano  ao mesmo  tempo que escribía milleiros de versos no dialecto, que como el deixou dito é un subdialecto do galego e legou así para galegos e bercianos un fermoso monumento literario e cultural elaborado coas palabras máis enxebres da nosa comarca de entroidos a vendimas e magostos entre osos, barburetas, cochorros e escambrois, megos e botelos.

Temos pois que agradecer e aplaudir a Real Academia Galega a valentía por escoller a unha estremeña para honrala no Día das Letras Galegas do 2018, porque, en primeiro lugar, é unha muller e tan só foron catro, con Mª Victoria, as mulleres que tiveron o seu Día das Letras (Rosalía de Castro no 1963, Francisca Herrera no 1987 e María Mariño no 2007). Había máis de dez anos que ningunha muller fora considerada digna de tal celebración e xa era hora.  Mais tamén debemos  celebrar  moi efusivamente que se recoñeza en Mª Victoria Moreno o valor dunha neofalante á hora de participar activamente na construción dunha cultura.

Ambas son leccións importantes nos nosos días, porque as mulleres seguen estando minorizadas ( só un exemplo que vén a conto, de cada 100 nomes que se citan nas aulas 93 son de homes, só 7 son de mulleres) e porque os neofalantes deben, en tempos de minorización, ser unha ferramenta esencial no proceso de consolidación e normalización da lingua. Para o Bierzo, para os bercianos que coñecemos e sabemos dos problemas do galego no día a día na nosa bisbarra, resultan aínda máis evidentes estes dous aspectos, porque no Bierzo sufrimos a problemática da lingua e do seu futuro con maior amargura e precariedade que os galegos da Galicia administrativa, esa que hoxe celebra protocolariamente esta gran data.

No Bierzo precisamos con urxencia dun recoñecemento semellante a unha anagnórese para un autor que non sendo de orixe galega poida servir de metáfora e ferramenta para incorporar no presente a máis neofalantes ao proceso de recuperar o galego  nestas terras de extramuros, tan ocultas para tantos e tantos galegos. A descuberta da verdadeira personalidade do Bierzo precisa dun Día das Letras no que a procura da identidade invite a falar galego e reclamar dereitos lingüísticos  aos seus habitantes.

Dar pé a que máis cedo que tarde novos falantes se incorporen ás conversas dos máis vellos, facer posible que novos ou vellos autores que hoxe usan castelán, escriban en galego, reivindiquen no Bierzo de hoxe e ante a Galicia do século XXI que algo teñen que dicir e enriquecer a xa de por si rica diversidade cultural do noso Estado no que existen demasiadas malas caras ante a tan deturpada pluralidade e a tan cuestionada diferenza. Debemos facer unha aposta pola capacidade de entender que o Estado no que vivimos ben pode ser outro, negándonos a afogar a riqueza coa que chegamos ao século XXI nun absurdo e castrante uniformismo.  Son muitas as persoas amigas do progreso que aínda poden e deben transitar nese camiño (ou camín) do acervo diverso e fecundo para realizaren a súa propia anagnórese.  Esa é a descuberta pendente de levar a cabo que propoñemos tanto a galegos como a bercianos de cara ao 2019.

A modo de epílogo non quixeramos concluír esta nota sen lembrar que Mª Victoria Moreno naceu na mesma Estremadura na que hoxe aínda falan galego non mui lonxe de Valencia de Alcántara, no Val do Ellas, varios milleiros de estremeños/as que luitan como os bercianos por que a Fala, a súa variante do galego, sexa recoñecida e posta en valor. Precisamente Mª Victoria Moreno mantivo co galego unha relación de amor, recomendamos sinceramente a súa lectura co mesmo agarimo que ela mesma sempre manifestou pola nosa lingua.        

* Héctor M. Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega

 

Utilizamos cookies para mejorar su experiencia de navegación. Al utilizar esta web usted acepta el uso que hacemos de las mismas. Para saber más sobre las cookies visite política de privacidad.

Acepto las cookies de esta web.

EU Cookie Directive Module Information